lunes, 17 de diciembre de 2007

CALIDADE


Hai algúns que se queixan da normativa, porque seica se asemella moito ao castelán (ou ao portugués, segundo outras opinións) e moi pouco ao que falaban eles na aldea cando eran pequenos. Pode ser. Se cadra o problema non é a norma, senón o uso que facemos dela. Quen transmite a normativa aos fogares galegos e fai que os paisanos se acomplexen pola lingua que levan falando toda a vida? Os filólogos da Universidade de Santiago? Os lingüistas do soto do ILG? Os alegres bolseiros d´A Barcia? Abofé que non. O problema vén de todos eses locutores que nunca deron unha fala en galego ata que alguén os nomeou presentadores do telexornal. Eses (e os políticos, dos que falaremos outro día) son os que estragan a nosa fonética, as nosas contraccións, a nosa credibilidade. Por fortuna, parece que as cousas están a mudar pouco e pouco. Hai un tal Alberto Mancebo que fala un galego tan bonito que ata se emocionan os espectadores sensibles coa causa lingüística. Mágoa que despois veña o partido televisado dos sábados e atopemos as perífrases imposibles nas que teima un tal Gustavo Varela. Tan difícil é facer un esforzo por aumentar a calidade dos nosos comunicadores? Non se decatan de que o idioma é a súa principal ferramenta de traballo? Por que fracasan os asesores lingüistas da TVG? Terá que botarlles unha man ese tal Norris?

2 comentarios:

paideleo dijo...

Encçantame como fala o Alberto Mancebo.

MANOLODOXASTRE dijo...

gustavo varela é dos poucos na tvg que fala galego na vida cotidiana, e faino na tele coa mesma naturalidade que o fai a diario. O problema é que a lingua se está metendo con calzador, e por iso a xente rexeita o que escoita pola tele. Que facil é criticar...