martes, 18 de diciembre de 2007

CAPITAL


Este home da foto podería facer máis pola lingua que todos nós xuntos. Un dos problemas do galego é que acadou espazos de uso que a case ninguén lle importan. Está moi ben iso de que sexa o idioma da cultura, do compromiso ideolóxico, da creación literaria, das manifestacións... Pero é evidente que, gústenos ou non nos guste, o motor desta sociedade nosa é o diñeiro. Se houbese uns cantos millonarios que empregasen o galego con normalidade e reclamasen dos seus empregados pleno dominio da lingua propia de Galicia, non sería preciso nin que existise a Mesa. O malo é que D. Amancio, con tantos cartos como ten, non se dá decidido. Se cadra é cuestión de falar con el, así que, se alguén o coñece, que non deixe de tentalo.

lunes, 17 de diciembre de 2007

CALIDADE


Hai algúns que se queixan da normativa, porque seica se asemella moito ao castelán (ou ao portugués, segundo outras opinións) e moi pouco ao que falaban eles na aldea cando eran pequenos. Pode ser. Se cadra o problema non é a norma, senón o uso que facemos dela. Quen transmite a normativa aos fogares galegos e fai que os paisanos se acomplexen pola lingua que levan falando toda a vida? Os filólogos da Universidade de Santiago? Os lingüistas do soto do ILG? Os alegres bolseiros d´A Barcia? Abofé que non. O problema vén de todos eses locutores que nunca deron unha fala en galego ata que alguén os nomeou presentadores do telexornal. Eses (e os políticos, dos que falaremos outro día) son os que estragan a nosa fonética, as nosas contraccións, a nosa credibilidade. Por fortuna, parece que as cousas están a mudar pouco e pouco. Hai un tal Alberto Mancebo que fala un galego tan bonito que ata se emocionan os espectadores sensibles coa causa lingüística. Mágoa que despois veña o partido televisado dos sábados e atopemos as perífrases imposibles nas que teima un tal Gustavo Varela. Tan difícil é facer un esforzo por aumentar a calidade dos nosos comunicadores? Non se decatan de que o idioma é a súa principal ferramenta de traballo? Por que fracasan os asesores lingüistas da TVG? Terá que botarlles unha man ese tal Norris?

jueves, 13 de diciembre de 2007

DETALLES


Daquela historia dos Aduaneiros e Yolanda, tirei unha única e triste conclusión: o famoso correo electrónico que enviou o avogado Carvajal de la Torre aos autores da web estaba en castelán. Xa sei que estamos nun país libre e todo iso, pero se eu falo galego e preciso un avogado e pretendo demandar a quen me ofendeu, un dos requisitos innegociables sería que os documentos que tivese redactar aquel ao que vou pagar uns honorarios estivesen na lingua que eu lle indicase. Porque o galego non serve só para os versos.

martes, 11 de diciembre de 2007

AGASALLOS


Agradézolle a Folerpa a atención e a suxestión. Velaquí a súa proposta:

"Como consumidores temos unha forza da que non nos decatamos, unha forza que podemos comezar a exercer tamén como galegofalantes. Nestes tempos de Nadal en que todos faremos compras e mercaremos agasallos, nada máis sinxelo que mercar só aquilo que nos venden en galego. Polo tanto, con non mercarlle ren a todas aquelas empresas que nos desprezan e nin se molestan en ofertarnos os seus produtos na nosa lingua, asunto arranxado. Facede coma min, cada día, sentádevos durante uns intres diante da Galega e ide tomando nota de todos aqueles que non se anuncian en galego."

lunes, 10 de diciembre de 2007

SORRISOS


Os que falamos galego temos que aceptar que somos a imaxe da nosa lingua. Por tanto, non creo que axude demasiado ese índice acusador ergueito que algúns amosan decote. Recibiremos tolerancia cando amosemos tolerancia, atoparemos simpatía cando sexamos simpáticos, escoitarannos cando escoitemos. De non ser así, hannos facer tanto caso coma a eses pobres rapazolos de Utah que andan polas rúas predicando a súa particular boa nova.

miércoles, 5 de diciembre de 2007

PROPOÑO


Non son optimista. Creo que a lingua galega camiña de xeito irremediable cara á súa desaparición. Morremos, de acordo, pero algúns non estamos dispostos a agoniar en soidade. Por iso nace este blog, coa intención de que sirva de lugar de reflexión e debate. Agradezo críticas, azos, datos e, sobre todo, ideas. Está en xogo un dos nosos principais sinais de identidade. Aínda que a moitos tanto lles teña.

Benvidos.