miércoles, 21 de mayo de 2008

ESPERANZA

O Día das Letras tiven a ocorrencia de enviar uns cantos sms de felicitación a algúns amigos. Non a todos (Movistar non merece tanta xenerosidade), senón a aqueles aos que considerei, dun xeito máis intuitivo que racional, que un breve saúdo os podía animar a ter unha opinión (e, por conseguinte, unha acción) máis agarimosa sobre a lingua galega. Excluín, pois, aos convencidos, aos que falan galego decote e mesmo aos que teñen o idioma como causa. Non era preciso lembrarlles que é o que se festexa o 17 de maio. E escollín aos que manteñen co galego unha relación amigable pero distante, como se fose un antigo compañeiro de instituto ao que saudaremos cordialmente no caso de que algún día o atopemos pola rúa. Pois ben, tiven respostas ben fermosas, sorpresas que me fixeron ser, hoxe si, un chisco máis optimista. Sen dúbida, a que máis me gustou foi a da miña amiga Montse, viguesa residente en Barcelona, que escribiu "Gracias por recordarme que hoy es el día de nuestra lengua". É marabilloso que mesmo as persoas que sempre falan castelán sintan que o galego tamén é deles, "a nosa lingua", a de todos. Beizón, Montse, velaquí unha foto dun dos teus grupos preferidos.

martes, 13 de mayo de 2008

VIDA

O outro día conversei con José Manuel Pousada, vicepresidente de Galicia Bilingüe. Pareceume un home intelixente, respectuoso e sensato. Iso non quere dicir que comparta as súas ideas, pero recoñezo que me fixo reflexionar sobre algunhas teimas que me obsesionaron de máis durante os últimos meses. Creo que o problema non é que haxa un alegre grupo de persoas que piden sinaturas na Rúa do Príncipe contra a política lingüística da Xunta. Non serei eu quen asine, pero non cabe dúbida de que están no seu dereito (sempre que amosen algo máis de educación có home de americana clara que me parou a min e que me deu as costas en canto quixen explicarlle a miña opinión). Por outra banda, xa me gustaría a min que todos os políticos aos que se lles enche a boca co asunto da "nosa lingua" falasen un galego tan aceptable coma o do señor Pousada.


O problema, dicía, non provén dese foro tan surrealista no que conviven crucificados e bandeiras republicanas. Por desgraza, o asunto é máis serio: a sociedade galega tomou a determinación de suicidarse, prescindindo dun dos seus maiores sinais de identidade. Tan simple e tan triste como iso. E nin sequera teño corpo para rematar dicindo aquilo de "aínda estamos a tempo" e todas esas trapalladas. Non, creo que xa é tarde. O único que queda é pedir un final digno. Que San Xosé, avogado da boa morte, nos asista. Feliz Día das Letras Galegas!

miércoles, 16 de abril de 2008

DISTANCIA


Unha cuestión ben sinxela: ao final, os que máis reclaman bilingüismo son os menos bilingües. Por iso non me fío desta señora, ex-conselleira de Turismo dun goberno presidido polo nacionalista Ardanza e agora presidenta dun partido que reclama, entre outras cousas, a derogación das leis de normalización lingüística.

martes, 1 de abril de 2008

PROFESIONALIDADE


Andamos todos os do blogomillo a botarlle flores e ben as merece. Belén Regueira é unha grandísima profesional que fai sinxelo aquilo que para outros é moi complicado. A ferramenta de traballo dun xornalista é o idioma no que se expresa. Pois ben, na voz de Belén, a nosa lingua soa impecable, delicada, intensa, perfecta. En tempos de inverno, ela é unha das mil primaveras.

martes, 25 de marzo de 2008

NORMALIZACIÓN

Para quen renegue dos complexos e fale alegremente do proceso de normalización (por exemplo ese mediocre figurón que temos por Valedor do Pobo), velaquí o caso da boa muller da fotografía, unha muxiá que acaba de sufrir unha experiencia terrible: o seu irmán, residente en Venezuela, estivo secuestrado durante uns días. Nas declaracións que a señora fixo á TVG, expresouse nun castelán agalegado, semellante ao da célebre Palmírez do Luar. Porén, as mesmas cámaras da canle autonómica recolleron as imaxes nas que a apesarada muller falaba por teléfono cun familiar... en correcto e fermosísimo galego!!!
Por sorte, o home do secuestro foi liberado.

A lingua, polo que se ve, aínda non pagou o rescate.

jueves, 13 de marzo de 2008

FESTAS


Sempre fun amigo de verbenas. E sempre fiquei abraiado perante a espectacularidade e a brillantez das nosas orquestras. Sei que xa hai moitas que empregan o galego na súa comunicación co público e inclúen no seu repertorio numerosas pezas propias do país. Alégrome e anímoas a que secunden a iniciativa do gran Xosé González, o sempre laborioso Pepiño de Redondela, e sigan a levar a cabo un proceso de galeguización que axudará a que as nosas festas sexan cada vez mellores. Bailemos merengue, pasodobre, cumbia, chachachá, bolero... e apoiemos aos nosos músicos, por suposto.

Na foto, a mítica París de Noia.

miércoles, 5 de marzo de 2008

PENEIRA


Teño amigos e parentes moi próximos que votan sempre polo PP. Cónstame que hai xente neste partido cunha fonda sensibilidade galeguista, persoas que non se senten cómodas coas consignas que saen da rúa Génova dende hai algúns anos. Por respecto a estes amigos e parentes, quero amosar a tristura que me produciron as palabras de Ana Pastor (tíñaa por muller intelixente), que no seu mitin de onte en Vigo berrou por unha "Galicia Bilingüe". Nada habería que retrucar, se non fose polo pequeno detalle de que a señora Pastor non é bilingüe nin manifesta o menor interese por aprender galego. Así que, por favor, D. Alberto, Dª. Corina, D. Mariano, Dª. Ana, aforren os consellos e merquen unha boa gramática.