martes, 25 de marzo de 2008

NORMALIZACIÓN

Para quen renegue dos complexos e fale alegremente do proceso de normalización (por exemplo ese mediocre figurón que temos por Valedor do Pobo), velaquí o caso da boa muller da fotografía, unha muxiá que acaba de sufrir unha experiencia terrible: o seu irmán, residente en Venezuela, estivo secuestrado durante uns días. Nas declaracións que a señora fixo á TVG, expresouse nun castelán agalegado, semellante ao da célebre Palmírez do Luar. Porén, as mesmas cámaras da canle autonómica recolleron as imaxes nas que a apesarada muller falaba por teléfono cun familiar... en correcto e fermosísimo galego!!!
Por sorte, o home do secuestro foi liberado.

A lingua, polo que se ve, aínda non pagou o rescate.

jueves, 13 de marzo de 2008

FESTAS


Sempre fun amigo de verbenas. E sempre fiquei abraiado perante a espectacularidade e a brillantez das nosas orquestras. Sei que xa hai moitas que empregan o galego na súa comunicación co público e inclúen no seu repertorio numerosas pezas propias do país. Alégrome e anímoas a que secunden a iniciativa do gran Xosé González, o sempre laborioso Pepiño de Redondela, e sigan a levar a cabo un proceso de galeguización que axudará a que as nosas festas sexan cada vez mellores. Bailemos merengue, pasodobre, cumbia, chachachá, bolero... e apoiemos aos nosos músicos, por suposto.

Na foto, a mítica París de Noia.

miércoles, 5 de marzo de 2008

PENEIRA


Teño amigos e parentes moi próximos que votan sempre polo PP. Cónstame que hai xente neste partido cunha fonda sensibilidade galeguista, persoas que non se senten cómodas coas consignas que saen da rúa Génova dende hai algúns anos. Por respecto a estes amigos e parentes, quero amosar a tristura que me produciron as palabras de Ana Pastor (tíñaa por muller intelixente), que no seu mitin de onte en Vigo berrou por unha "Galicia Bilingüe". Nada habería que retrucar, se non fose polo pequeno detalle de que a señora Pastor non é bilingüe nin manifesta o menor interese por aprender galego. Así que, por favor, D. Alberto, Dª. Corina, D. Mariano, Dª. Ana, aforren os consellos e merquen unha boa gramática.

martes, 26 de febrero de 2008

OPTIMISMO


Antes de que os desconfiados boten a man ao queixo e principien unha longuísima consoante nasal, aclararei que nin coñezo persoalmente a Séchu Sende nin nunca antes lera nada del nin lle debo nin me debe favores de ningún tipo. Digo isto porque son consciente de que somos catro e ao final todo se sabe, e dígoo, sobre todo, porque me gustou moito Made in Galiza e quería deixar constancia do meu entusiasmo sen erguer sospeitas. Non teño a menor intención de me meter a crítico (nin me gusta nin sirvo), pero quero opinar, como simplísimo lector, que me abraiou o xeito lúcido, sereno e divertido que ten Sende de se enfrontar aos asuntos da lingua. Debería ser lectura obrigatoria para os dubidantes e, máis que nada, para os intransixentes.

jueves, 21 de febrero de 2008

SENTIDIÑO

Estas imaxes non axudan á convivencia nin á lingua galega nin ao sentido común. Seguro que son bos rapaces, probablemente desorientados por algún exceso hormonal propio da idade. Pero o que conseguiron onte foi converter aos de Galicia Bilingüe (esa curiosa asociación que promove o monolingüismo) en vítimas, case en símbolos da loita pola liberdade.
Estou triste.

Pero non perdo o entusiasmo.

miércoles, 13 de febrero de 2008

CORDIALIDADE


Este é José María Pérez Álvarez, tamén coñecido como Chesi. É d´O Barco de Valdeorras, traballa en Facenda e gañou xa unha chea de premios literarios. Escribe en castelán e a súa próxima novela titúlase "La soledad de las vocales". Recoñezo que aínda non lin nada del, pero teño intención de facelo o antes posible. De momento, felicítoo moi calorosamente polos seus éxitos e agardo que todos, os de Laíño e mais os de Lestrove, os da proa e os da rella, nos fixemos nel unicamente pola calidade dos textos que publica.

lunes, 4 de febrero de 2008

VALOR


Os nosos escritores conviven cunha sombra que sería suficiente para os desanimar definitivamente. Un novelista arxentino ou un poeta francés ou un ensaísta australiano teñen a seguridade de que os seus netos e os netos dos seus netos poderán ler as súas obras na lingua en que foron escritas. Non ocorre o mesmo cos escritores galegos: é probable que dentro de cincuenta ou cen anos xa non haxa galegofalantes. Toda a nosa literatura gardará repouso nas estanterías sen lectores que a gocen ou a maldigan. Será o tempo dos enterradores, dos licenciados en falas moribundas, da música en silencio. Por iso é merecente de aplauso o esforzo dese adolescente que esta noite, mentres todos dormen, escribirá versos de amor na lingua que morre.

Na foto, o mestre Fernández Paz, aínda fonte de auga viva, Deus queira que por moitos anos.