miércoles, 13 de febrero de 2008

CORDIALIDADE


Este é José María Pérez Álvarez, tamén coñecido como Chesi. É d´O Barco de Valdeorras, traballa en Facenda e gañou xa unha chea de premios literarios. Escribe en castelán e a súa próxima novela titúlase "La soledad de las vocales". Recoñezo que aínda non lin nada del, pero teño intención de facelo o antes posible. De momento, felicítoo moi calorosamente polos seus éxitos e agardo que todos, os de Laíño e mais os de Lestrove, os da proa e os da rella, nos fixemos nel unicamente pola calidade dos textos que publica.

lunes, 4 de febrero de 2008

VALOR


Os nosos escritores conviven cunha sombra que sería suficiente para os desanimar definitivamente. Un novelista arxentino ou un poeta francés ou un ensaísta australiano teñen a seguridade de que os seus netos e os netos dos seus netos poderán ler as súas obras na lingua en que foron escritas. Non ocorre o mesmo cos escritores galegos: é probable que dentro de cincuenta ou cen anos xa non haxa galegofalantes. Toda a nosa literatura gardará repouso nas estanterías sen lectores que a gocen ou a maldigan. Será o tempo dos enterradores, dos licenciados en falas moribundas, da música en silencio. Por iso é merecente de aplauso o esforzo dese adolescente que esta noite, mentres todos dormen, escribirá versos de amor na lingua que morre.

Na foto, o mestre Fernández Paz, aínda fonte de auga viva, Deus queira que por moitos anos.

martes, 29 de enero de 2008

ATENCIÓN


Somos pouco amigos de escoitar a voz dos mestres. E iso que temos o privilexio de que aínda podemos atopar pola rúa a Fernández del Riego, a Neira Vilas, a Ferrín... Eu confeso especial debilidade e admiración por Alonso Montero (na fotografía, sentado entre dous ilustres editores). Por iso traio aquí unhas palabras súas, dunha entrevista nun xornal:


P. Sobrevivirá o galego?
R. Se non se producen situacións sociolóxicas distintas das que hoxe gobernan o discurso intelectual, cultural e social, non sobrevivirá. Tampouco hai valentía para examinar onde está o problema. No ano 68, Méndez Ferrín, nun discurso dos Xogos Florais de Buenos Aires, dixo que se non cambiaban radicalmente determinadas circunstancias o galego tiña 25 anos de vida. E aquel era un galego sen escola, sen universidade, sen parlamento, sen televisión, sen radio, co que iso comporta de negativo para unha lingua que naquel momento non falaban as persoas de estatus urbano e universitario. Que pasa? Cal é o idioma habitual da clase social que viste mellor, que ten mellores coches, que ten maior renda per cápita, que manda os fillos de vacacións a Oxford? O castelán. É certo que por primeira vez en Galicia hai un arquitecto e a súa muller que agora están falando en galego cos seus fillos mentres ven a televisión. Iso non se daba hai 40 anos. Pero son 200 familias en Galicia, grosso modo.

martes, 22 de enero de 2008

PACIENCIA


Aos que medramos na música do galego vivo -supoño que cada vez somos menos-, cómprenos bo humor e ánimo positivo cos neofalantes, é dicir, con esa xente que tomou libremente a decisión de falar na nosa lingua. Xa sabemos que algúns deles empregan o idioma de xeito trapalleiro e que moitos semellan ter dificultades para o avance máis mínimo. Aínda así, deámoslles agarimo e fagamos aquilo tan misericordioso de "aprender ao que non sabe". Na foto, Carme Adán, neofalante con serios problemas gramaticais, e Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística.

martes, 15 de enero de 2008

NATURALIDADE


Un día, xa hai máis de vinte anos, Camilo Nogueira propúxolle a José Luis Rivadulla que a megafonía de Balaídos falase galego. Ao presidente do Celta pareceulle boa idea. Dende aquela, o noso "speaker" particular (non sei como se chama, pero merecería unha boa homenaxe) anuncia números, nomes e trocos na lingua propia de Galicia. É un ritual, de acordo, pero hai cousas que, cando se fan con naturalidade e boa vontade, non quedan en simple cerimonia dominical.

miércoles, 9 de enero de 2008

FIRMEZA

Hai unha asociación, cada vez máis poderosa, que defende -con moi elegantes palabras e razoamentos- un modelo educativo no que non se garante a plena competencia lingüística dos rapaces de Galicia nos dous idiomas oficiais da nosa terra. Non creo que sexa bo entrar no seu xogo, pero tampouco me parece acertado actuar como se non existisen. Ata hai pouco tempo, o galego provocaba indiferenza en moita xente. A novidade é que agora, ademais, comeza a ter inimigos.
Pode ser un bo sinal, pero cómpre estar en garda. Non me refiro a convocar manifestacións nin recoller sinaturas nin moito menos insultar a ninguén. Refírome ao mellor xeito que temos de traballar pola lingua galega: empregándoa en todos os eidos da nosa vida, con total amabilidade, con absoluta firmeza.

miércoles, 2 de enero de 2008

XENEROSIDADE


O seu famoso manuscrito de dimisión estaba en galego. A esquela do xornal que pagou a súa familia tamén. Non sería xusto non recoñecer o compromiso que este home tivo coa súa lingua materna. Por iso me sorprende que o blogomillo, sempre disposto a gabar os méritos dos que confunden "e" con "i" e "te" con "che", garde silencio agora que finou Xosé Cuíña. Con el vaise alguén que demostrou con feitos que o idioma e a ideoloxía non son a mesma cousa.